jueves, 16 de abril de 2009
Os recursos naturais e a sua clasificacion
Os seres humanos deben obter da natureza os distintos recursos necesarios para a súa supervivencia e para o desenvolvemento das súas actividades, desde os máis imprescindibles, como a auga e os alimentos, ata os recursos minerais.
A auga é necesaria para o desenvolvemento dun gran número de actividades dos seres vivos. Pola súa parte, os alimentos supoñen á vez unha fonte de materiais e de enerxía. Da flora e a fauna obtense a práctica totalidade dos alimentos, así como substancias utilizadas con propósitos tan variados como a fabricación de medicamentos ou a obtención de fibras téxtiles. Do subsolo obtense un gran número de recursos minerais, que a humanidade utilizade utiliza para a construción, a elaboración de utensilios ou a obtención de enerxía.
Imos coñecer tres conceptos moi importantes relacionados cos recursos naturais e a súa explotación.
Denomínanse recursos naturais aqueles bens que se obteñen da natureza e que satisfán necesidades materiais e enerxéticas do ser humano. O seu valor social é máis ou menos alto, segundo a súa contribución ao benestar e ao desenvolvemento, aos que poden contribuír de forma directa ou indirecta.
Enténdese por impacto ambiental o efecto que produce unha determinada actividade humana sobre o medio natural. O concepto pode estenderse aos efectos dun fenómeno natural, polo xeral de tupo catastrófico. Desde o punto de vista técnico, defínese o impacto ambiental como a alteración da liña de base (medio natural), debida á acción antropoxénica ou a eventos naturais.
Denomínase risco ambiental á posibilidade de que se produza un impacto de orde catastrófica no medio natural ou no social, debido a un fenómeno natural ou a unha acción humana. O risco ambiental representa un campo particular dentro do máis amplo dos riscos colectivos que poden ser avaliados e previdos.
Criterios de clasificación
Segundo a súa dispoñibilidade ao longo do tempo, que depende da taxa de xeración (ou rexeneración) e do ritmo de consumo, os recursos clasifícanse en renovables e non-renovables, aos que se engaden, nalgunhas clasificacións, os inesgotables.
Recursos renovables.
Son aqueles que, co tratamento axeitado, se pode manter a súa cantidade sempre dispoñible e incluso aumentala. Os principais recursos renovables son os de orixe biolóxica, procedentes das plantas e dos animais, que á vez depende para a súa subsistencia doutros recursos, como a auga ou o solo.
Algúns recursos, como auga, pódense considerar como potencialmente renovables, pois aínda cando non se pode modificar a súa cantidade global, unha determinada proporción pode manterse dispoñible, regularmente de forma axeitada o seu aproveitamento.
Recursos non-renovables.
Os recursos naturais non-renovables son aqueles que existen en cantidades determinadas e que, ao explotalos, pódese chegar a esgotalos. O petróleo, por exemplo, tardou millóns de anos en formarse nas profundidades da terra, e unha vez que se utiliza xa non se pode recuperar. Se se continúa coa súa extracción ao ritmo actual, pode chegar a consumirse por completo, sen posibilidade de reposición.
A maioría dos recursos non-renovables son de orixe mineral, o que fai que o seu ritmo de produción na natureza se conte en escalas de tempo de millóns de anos; desde un punto de vista práctico, isto fai que a súa renovación sexa imposible. Inclúense neste grupo os minerais metélicos e non-metélicos, e produtos como o petróleo e o gas natural.
A mellor estratexia respecto aso recursos naturais non-renovables é usalos na menor medida posible e reservar a súa utilización para aquelas aplicacións nas que resulten insubstituíbles, ao mesmo tempo que se usan recursos alternativos renovables para o resto das necesidades.
Retomando o exemplo do petróleo, en Brasil, gran produtor de cana de azucre, modificáronse os motores dos automóbiles para que funcionen con alcohol de cana de azucre en lugar de gasolina. O alcohol, obtido a partir dun produto vexetal é un recurso renovable que pode substituír o petróleo como fonte de enerxía.
Recursos inesgotables.
Coñecidos tamén como recursos permanentes, son aqueles que non se esgotan, sen importar os usos para os que o ser humano os empregue. Son recursos deste tipo a luz solar, a enerxía das ondas, a mareomotriz e a enerxía eólica. En canto ao seu uso, o principal problema acostuma consistir en dispoñer da tecnoloxía axeitada para o seu aproveitamento práctico, de forma que o seu consumo poda realizarse de forma eficiente.
Recursos enerxéticos
Coñécense como recursos enerxéticos aqueles que se explotan co obxectivo principal de obter enerxía, aínda que poidan ter tamén outras aplicacións.
Clasificación das fontes de enerxía
Poden usarse varios criterios para clasificar para clasificar os distintos recursos enerxéticos. Segundo a súa composición, poden distinguirse grupos como o dos combustibles fósiles, como o carbón, o petróleo e o gas, e o dos combustibles nucleares, como o uranio. En ambos os casos, trátase de recursos non-renovables, nos que a enerxía se obtén grazas á descomposición da substancia que actúa como combustibles, proceso do que se extrae a enerxía.
En contraposición cos grupos anteriores, as fontes de enerxía renovables non adoitan depender dun material concreto, senón que aproveitan a enerxía transportada por distintos fenómenos naturais, como a ondada mariña ou a forza dos ventos.
Combustibles fósiles
Son combustibles fósiles o carbón, o petróleo e o gas natural. Proveñen de restos de seres vivos enterrados hai millóns de anos, que sufriron distintos
· O carbón: é un combustible fósil sólido, composto na súa maior parte por carbono, en distintos graos de cristalización e con distintas proporcións de impurezas. O carbón mineral formouse por procesos xeolóxicos a partir de restos orgánicos, en especial de vexetais.
O proceso de formación do carbón, coñecido como carbonización, iniciase coa acumulación d materia orgánica vexetal. En condicións normais, estes materiais serían procesados por microorganismos aerobios, que provocarían a súa putrefacción. Non obstante, se se forman en zonas lacustres, pantanosas ou de augas mariñas pouco profundas, poden quedar cubertos por unha capa de sedimentos.
Nas condicións anteriores, actúan bacterias anaerobias, que provocan unha serie de reaccións mediante as cales se produce un incremento gradual da presenza de carbono. Se os depósitos percusores do carbón quedan cubertos por capas de materiais impermeables, como arxilas e lousas, pódense manter as condicións anaerobias e seguir o proceso de carbonización. Como resultado, fórmanse distintas variedades de carbón:
§ O lignito é un tipo de carbón cunha proporción de carbono relativamente baixa, polo que é un combustible que subministra pouca enerxía.
§ A hulla, máis rica en carbono ca o lignito, úsase nas centrais térmicas para a xeración de electricidade. Ademais, pode destilarse para separar da súa composición unha serie de hidrocarburos.
§ O coque é o resultados da destilación da hulla, libre de hidrocarburos.Úsase no sector siderúrxico.
§ A antracita é o tipo de carbón con maior proporción de carbono. A súa combustión proporciona gran cantidade de enerxía.
Os principais inconvenientes e impactos do carbón son a súa pouca versatilidade como combustible, as importantes cantidades de residuos que produce o seu consumo e o importante impacto ambiental da minería.
· O petróleo: é un aceite mineral natural, menos denso ca a auga e dunha característica cor escura. Componse case por completo de hidrocarburos. Ademais de ser a principal fonte de enerxía no mundo actual, ten un importante papel como materia prima para a industria petroquímica.
O proceso de formación dos depósitos de petróleo é moi similar ao do carbón. En os ambos casos, trátase de materia orgánica modificada por procesos de degradación anaerobia, durante longos procesos xeolóxicos. A diferenza do carbón, na formación do petróleo non se acumula carbono, senón hidrocarburos, é dicir, substancias compostas por longas cadeas de carbono e hidróxeno, de estrutura máis próxima á da materia orgánica que o orixinou.
A industria petroquímica obtén gasolina, plásticos, fibras sintéticas e artificiais, disolventes, resinas, aditivos, insecticidas e fertilizantes, entre outros moitos produtos.
O transporte do petróleo dende os xacementos ata as refinerías, onde se procesa, realízase mediante oleodutos ou grandes buques cisterna. É nesta fase cando se presenta maiores riscos de verteduras, como as mareas negras, de grande impacto ambiental. Con todo, os maiores factores contaminantes asociados ao petróleo son os gases de combustión e os residuos dalgúns dos seus derivados, como os plásticos, que pola súa grande estabilidade química poden resistir os procesos de degradación que os eliminarían do medio natural.
· O gas natural: é unha mestura variada de hidrocarburos en estado gasoso, entre os que predominan os saturados, e en particular o metano.
O principal impacto do uso de gas natural como combustible, como acontece co resto dos fósiles, é a produción de gases de efecto invernadoiro, como o dióxido de carbono (CO2), aínda que en menos medida que o carbón e o petróleo. Por outra parte, o gas natural presenta contido de sulfuro de hidróxido (SH2), un dos principais responsables da chuvia ácida.
Combustibles nucleares
A diferenza dos fósiles, compostos dos que se obteñen a enerxía química acumulada polos seres vivos a partir dos cales se formaron, os combustibles polos seres vivos a partir dos cales se formaron, os combustibles nucleares son elementos dos que se extrae a enerxía que mantén unidos os seus núcleos
· Uranio e plutonio: nas reccións nucleares de fisión, un núcleo atómico de gran tamaño é bombardeado con neutróns, que provocan a súa división. Formándose dous átomos de elementos máis lixeiros e unha parte da masa total do núcleo pesado transformándose en enerxía.
Para as reaccións de fisión utilízase sobre todo os isótopos uranio-235 e plutonio-239, que se someten a procesos controlados de reacción en cadea nas centrais nucleares. A enerxía desprendida utilizase como foco de calor para a produción de enerxía eléctrica.
· Hidróxeno: a reacción de fusión segue o proceso contrario ca de fisión: dous núcleos atómicos lixeiros coliden e forman un núcleo atómico máis pesado, con liberación de enerxía. Trátase da fonte de enerxía das estrelas.
Nas reaccións de fusión consómese o deuterio, un isótopo do hidróxeno no que o seu núcleo contén un protón e un neutrón. O resultado da fusión de dous átomos de deuterio é un de helio-3. Como na fisión, a enerxía liberada utilizaríase para a produción de enerxía eléctrica.
A produción de enerxía mediante procesos nucleares permite a obtención de grandes cantidades de enerxía a partir de masas reducidas e non produce emisión de gases. Non obstante, a fisión implica o manexo de produtos radioactivos, cun gran risco de contaminación no caso de que resulten liberados ao medio natural, problema que presentan tamén os residuos finais, pois a súa almacenaxe en illamento débese manter durante séculos
Fontes de enerxía renovables
Caracterízase por non se esgotar a súa fonte de produción, xa que na maioría de casos non dependen dunha substancia, senón dun proceso, ou ben utilizan unha fonte material que pode rexenerarse a un ritmo comparable ao do seu consumo. Entre as do primeiro grupo, destacan a enerxía solar, a eólica, a mareomotriz, a xeotérmica e a hidráulica, mentres que a principal fonte material de enerxía renovable é a biomasa.
Solar
É a enerxía que chega á Terra en forma de radiación electromagnética proveniente do Sol. Pode aproveitarse de dúas maneiras: por conversión térmica e por conversión fotovoltaica. No primeiro caso, aprovéitase para quentar a auga para o consumo doméstico ou a calefacción, e supón un importante aforro no consumo de outras fontes de enerxía. Tamén existen centrais solares que dispoñen de grandes superficies reflectoras para focalizar a radiación solar dunha área extensa sobre un punto, que se quenta a gran temperatura. No caso da conversión fotovoltaica, a enerxía solar transfórmase directamente en enerxía eléctrica, en paneis fotovoltaicos fabricados con materiais semiconductores.
Eólica, mareomotriz e xeotérmica
Proporcionan a enerxía de distintos procesos atmosféricos e xeolóxicos.
A enerxía eólica obtense do vento, a partir da enerxía cinética que levan as correntes de aire, impulsadas polas diferenzas de temperatura entre distintas masas atmosféricas. Transfórmase en enerxía eléctrica mediante aeroxeradores. O principal inconveniente da enerxía eólica é a irregularidade do vento e a necesidade dunha velocidade mínima, polo que as instalacións eólicas se utilizan como unha fonte auxiliar.
A enerxía mareomotriz obtense do movemento das mareas mariñas. Un sistema de hélices conectados a turbinas transforman en enerxía eléctrica o ascenso e o descenso das mareas. Aínda que é máis regular ca eólica, a súa aplicación práctica é escasa e teñen un uso complementario.
A enerxía xeotérmica aproveita a calor interna da Terra, polo xeral en zonas de augas termais, de localización restrinxida. Utilízase a calor interna para xerar vapor de auga, que se emprega directamente para sistemas de calefacción, ou ben para a produción de electricidade.
Biomasa
A biomasa é materia orgánica producida polos seres vivos. Algúns tipos de biomasa que se utilizan como enerxía renovable son a leña e biocombustibles como o aceite, o alcohol, o gas producido por fermentación e os bloques compactados de residuos. Úsanse para consumo doméstico, na automoción ou incluso en pequenas plantas de produción de electricidade. Aínda que na combustión se desprende CO2, considérase que é o mesmo que o absorbido polos seres vivos que proporcionan a biomasa, polo que o balance é nulo. Ademais, non emiten contaminantes sulfurados nin nitroxenados.
Recursos minerais
Enténdese por recurso mineral unha concentración natural dalgún elemento ou composto da codia terrestre, que pode ser potencialmente extraído e procesado, cos medios tecnolóxicos dispoñibles.
Divídense en metálicos, se permiten a obtención dun elemento deste tipo, e non-metálico, grupo que inclúe o resto dos minerais.
· Minerais metálicos: os xacementos de minerais metálicos moi rara vez proporcionan o elemento puro. Polo xeral, trátase de compostos dos que hai que obter o metal refinado, mediante distintos procedementos físicos ou químicos. Os máis utilizados son o ferro, o cobre e o aluminio.
· Minerais non-metálicos: inclúen compostos e rochas con usos tan distintos como a construción, a obtención de produtos químicos de síntese ou o uso como fertilizantes. Para os efectos prácticos, acostúmase clasificar por familias segundo a súa composición química ou a súa natureza mineralóxica. Pola importancia da súa explotación e pola variedade dos seus usos, merecen destacarse os grupos químicos dos nitratos, os sulfatos e os fosfatos.
Recursos forestais, agrícolas e gandeiros
Os recursos deste grupo teñen en común a súa orixe biolóxica, polo que, se a súa explotación se realiza de maneira racional, poden proporcionar materiais de forma renovable.
· Recursos forestais: os recursos forestais son os que se obteñen dos bosques, grandes comunidades biolóxicas nas que os elementos vivos máis destacados son as árbores, que configuran e condicionan o biotopo asociado.
· Recursos agrícolas: enténdese por agricultura o conxunto de técnicas e actividades que teñen por obxectivo o cultivo da terra. Inclúense as tarefas de sementeira, fertilización e outros coidades necesarios para o crecemento das plantas, así como a colleita e a almacenaxe. A maior parte dos produtos agrícolas teñen por obxecto conseguir alimentos, aínda que cada vez alcanzan maior relevo os que proporcionan materiais como as fibras téxtiles e os biocombustibles.
· Recursos gandeiros:a gandaría é unha actividade na que os seres humanos se ocupan da cría e o coidado de determinadas especies de animais. Nos países desenvolvidos impuxéronse, como tamén aconteceu coa agricultura, formas de explotación intensiva, mentres que nos países en vías de desenvolvemento a gandaría mantivo a forma de extensiva.
Recursos hídricos
O nome de recursos hídricos fai referencia aos recursos provistos pola auga. Con toda seguridade, é o recurso natural cun maior número de usos. Interveñen na maior parte dos procesos metabólicos dos seres vivos, polo que é un recurso imprescindible para a vida.
· A auga, un recurso polivalente.
A auga cobre o 70% da superficie do planeta. Como recurso natural destaca o seu papel no mantemento da vida, polo que resulta imprescindible para o desenvolvemento da agricultura e da gandaría. É tamén un recurso industrial importantísimo. Ademais, utilízase para a obtención de enerxía. Por todo iso, a auga merece un tratamento independente como recurso natural. Pola súa orixe, distínguense as augas obtidas de fontes convencionais, que seguen o chamado ciclo hidrolóxico, das procedentes de fontes non-convencionais.
Ciclo hidrolóxico
Na natureza, a auga sofre unha serie de cambios nos que adquire e cede enerxía, en distintas etapas dun percorrido circular coñecido como ciclo hidrolóxico. Desde os mares, os ríos, os lagos, e incluso desde os seres vivos, evapórase constantemente auga cara á atmosfera, onde forma nubes. Cando as condicións meteorolóxicas son as axeitadas, a auga atmosférica precipita cara ao chan en forma de chuvia ou de neve. Da auga que cae, unha parte evapórase de novo en pouco tempo, outra esvara pola superficie do terreo ata os ríos, os lagos e os océanos, e o resto infíltrase nas capas subterráneas e flúe por este camiño; se reaparece na superficie, formas mananciais e lagos, que mediante o sistema hidrográfico flúen ata os mares e os océanos, desde onde este proceso volve empezar.
· Aplicacións enerxéticas
Denomínase enerxía hidráulica a que se obtén do aproveitamento da enerxía cinética e da potencial da corrente dos ríos, dos saltos de auga e das mareas. É un tipo de enerxía sostible cando o seu impacto ambiental é mínimo e usa a forza hídrica sen a encorar. No caso contrario, é considerada como unha forma de enerxía renovable, pero que ten un gran impacto ambiental.
· Aplicacións industriais
Os principais usos industriais nos que se emprega a auga son: como materia prima, como disolvente e como refrixerante.
A auga finalmente, utilízase como medio de transporte de grandes pesos, que se manteñen en flotación e se desprazan a través de canalizacións, o que reduce en gran medida os requisitos de enerxía que precisaría o desprazamento por terra.
· Aplicacións agrícolas e de abastecemento
Para os usos agrícolas e de abastecemento precísase unha auga pobre en sales e sen impurezas, entre as que se contan compostos químicos e microorganismos nocivos.
· Reservas e consumo responsable
O mundo en desenvolvemento esgota as reservas dispoñibles de auga a un ritmo alarmante. Aínda que se trata dun recurso renovable, as augas que cumpren as condicións axeitadas para os distintos usos son só unha fracción moi reducida do total: calcúlase que as augas doces do mundo comprenden menos do 3% do total da auga da codia terrestre.
O aumento da poboación, o uso indiscriminado das reservas subterráneas, o quecemento do planeta e o mal manexo da auga por parte das explotacións industriais combínase para poñer en perigo un ben que é fundamental para o futuro da humanidade.
Segundo os cálculos da Organización das Nacións Unidas, contra o 2025 uns 25 países africanos estarán sometidos a condicións de racionamento de auga moi severas, inferiores nalgúns casos aos niveis catalogados como catastróficos. A mesma situación aplicarase a países doutras áreas xeográficas.
O consumo de auga é cada vez maior debido ao aumento da poboación, ao aumento das necesidades de irrigación agrícola para satisfacer a demanda de alimentos e á falta de hábitos de consumo axeitados. Se ben existen reservas naturais nos ríos, nos lagos e nas augas subterráneas, a necesidade de auga conduciu á construción de grandes encoros, cun grande impacto ambiental.
Non obstante, a política máis eficiente respecto do consumo de auga pasa polo seu consumo racional e responsable, mediante a optimización do seu emprego. Neste sentido, evitar a súa contaminación é unha das primeiras medidas que debe adoptarse, pois a capacidade de transporte da auga fai que non só se perda auga aproveitable, senón tamén que se difundan os contaminantes máis aló do alcance orixinal.
jueves, 19 de febrero de 2009
Saúde
SAÚDE
A organización Mundial da Saúde (OMS) definiu a saúde como o estado íntegro de benestar físico, mental e social. O bo estado e o correcto funcionamento de órganos e sistemas conduce a posuír un benestar físico correcto. O benestar mental obtense cando o individuo mostra unha adaptación unha adaptación axeitada ao medio onde vive. Se unha persoa se integra na sociedade no ámbito familiar, laboral e durante o lecer, gozará de benestar social.
CONDICIONANTES
1. Factores subxectivos
A pesar da existencia de condicionantes comúns, de carácter obxectivo, que modifican a saúde dun individuo, demostrouse que cada persoa percibe o seu estado de saúde de forma subxectiva, moitas veces relacionada coas circunstancias persoais. Así, os estudos demostran que, polo xeral, a sensación de perda de saúde aumenta coa idade. Tamén se puido documentar unha relación entre o nivel de estudos e a percepción da propia saúde: a maior grao de instrución mellor percepción da propia saúde.
2. Factores xenéticos
Todo ser humano posúe unha información hereditaria, recibida dos seus proxenitores e contida nos xenes. Patoloxías hereditarias, por exemplo a hemofilia (dificultade da sangre para coagularse correctamente, ligados al cromosoma X)
3. Factores ambientais
Os factores ambientais que poden afectar á saúde son moi diversos, e as formas como se manifestan en cada individuo son moi variables.
· Psíquicos; as situacións de tensión, calquera que sexa a súa causa, asócianse á aparición do estres, que prexudica o estado xeral de saúde. Hai que ter en conta que non só causan tensión as situacións claramente negativas, como os conflitos familiares, senón tamén cambios positivos, como podería ser un novo emprego. Se o estado de tensión se prolonga, os efectos do estres poden provocar ansiedade crónica, depresións ou trastornos do sono, e favorecer a aparición de enfermidades como os riscos cardíacos.
· Físicoquímicos; algúns fenómenos naturais e a mesma actividade humana poden ser a causa da presenza no ambiente de materiais nocivos, como as emisións de dióxido e monóxido de carbono, e as de fumes e partículas sólidas procedentes da combustión. Tamén poden ser causa de fenómenos que diminúen a calidade de vida, como as vibracións e os ruídos do tráfico e da industria, e o incremento da contaminación lumínica.
Existen factores que teñen unha incidencia sobre a saúde que é tema de controversia, como poden ser os campos electromagnéticos producidos por liñas de alta tensión e as emisións da telefonía móbil, que segundo algunhas opinións poderían ter relación co aumento da frecuencia dalgunhas enfermidades, como o cancro.
· Sociais; a situación laboral (seguridade económica e profesional // adopción de medidas de seguridade para reducir o risco de accidentes laborais) integración social (evitar marxinación) e o grao de seguridade (inseguridade→roubo, acoso, corrupción) son os principais factores sociais que lle afectan ao benestar persoal e que contribúen á saúde da poboación.
4. O estilo de vida (= conxunto de actividades, comportamentos e actitudes características dun individuo ou dunha colectividade)
· Alimentación. Toda dieta debe ser completa e equilibrada, é dicir, ten que conter todos os nutrientes necesarios, e debe incluír as proporcións axeitadas de cada tipo de alimento. En especial, convén manter unha proporción baixa en graxas, que tenden a provocar enfermidades cardiovasculares. O consumo de froitas e verduras, aínda que achega pouca enerxía, é imprescindible para obter minerais e vitaminas. Pirámide de alimentos.
· A actividade física; evita os riscos do estilo de vida sedentario, como a obesidade e as enfermidades cardiovasculares.
· A vida afectiva-sexual. A dimensión afectiva condiciona principalmente o benestar mental e social do individuo. A dimensión sexual do ser humano repercute no seu estado emocional e na súa saúde física. Por este motivo, a información sobre sexualidade é imprescindible para previr as enfermidades de transmisión sexual, así como os embarazos non-desexados.
· As drogas;son calquera sustancia que modifiquen as funcións do organismo.
Drogas culturalmente aceptadas e legalizadas (tabaco, alcohol)
Drogas ilegais
Medicamentos (non automedicarse)
5. Información
Dispoñer dunha información correcta sobre a xestión da saúde.